miércoles, 12 de marzo de 2008

CASTRO DE A BAROÑA (PORTO DO SON, A CORUÑA)




Situación. Na península do Barbanza, no concello de Porto do Son (A Coruña).
Cronoloxía. Baroña é un bo exemplo de castro costeiro, de forma irregular para adaptarse á pequena península na que se ubica. Todo o que vemos hoxe neste castro, pertencería ó cambio de Era (entre o século I a. C. e o I d. C.).
Elementos de interese. O primeiro que se pode ver antes de chegar ó poboado é o istmo que unía a península a terra e que daba lugar a un espacio sen construccións entre murallas. Desta primeira defensa quedan os restos dun foxo escavado na rocha de máis de 4 metros de ancho e un mínimo de 3 metros de fondo aínda que agora está case cuberto de área. Xunto a el aparecen os restos da primeira muralla, formada por dous muros case paralelos cun recheo entre eles de area e pedras. Pénsase que esta primeira muralla seguiría polos dous extremos ata conectar coa muralla que pecha o poboado.
Na segunda muralla que envolvería o poboado (complícase á dereita en tres muros graduados, solución tomada nun dos traballos de consolidación) ábrese a entrada. Á súa dereita consérvase unha fiada de grandes pedras que poderían se-los restos dun cubo defensivo. O paso, en rampa, vai estreitándose de xeito que podería estar pechado por unha porta (pola que non pasarían carros) que se pensa que estaría situada á altura de dous ocos enfrontados que se aprecian ós dous lados deste corredor e que formarían parte do sistema de peche.
Pasada a porta, e xa no interior do poboado, á dereita atopamos un muro que posiblemente servía para conte-las terras e unhas grandes escaleiras para acceder ó nivel alto. Estas escaleiras, atopadas nos traballos de escavación, son das mellor conservadas nos castros galegos. O muro no que se sitúan tería función de salva-la diferencia de nivel entre os dous sectores de asentamento.
As casas seguen as características das construccións domésticas castrexas. A pouca tégula atopada nos traballos arqueolóxicos fai pensar que a maioría delas terían cuberta de materiais vexetais.
As actividades económicas dos habitantes de Baroña estaban relacionadas coa explotación dos recursos mariños (abundan os restos de mexilóns, espiñas, caramuxos...) e a metalurxia (apareceu moita escoura, fragmentos de crisois e un anaco de molde para facer asas.)

Escavacións. Os traballos de escavación realizáronse nos anos 1933, 1969-70 e 1980-85, data a partir da cal só se levan a cabo traballos de consolidación.
Materiais. Están depositados no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón na Coruña. Hai un centro de interpretación arqueolóxico no Porto do Son.
Accesos. O castro está situado na estrada que une Noia con Ribeira (C-550). Se se vai dende Santiago, unha vez pasado o núcleo de Porto do Son, sobre o Km. 58,5 hai un sinal que indica o xacemento e un bar. Neste punto hai que deixa-lo coche e descender a pé por un camiño que leva directo ó xacemento." ( P. Barciela y E. Rey)

Nota.- En las fotos que ilustran este comentario podemos ver, de arriba hacia abajo, la entrada al castro; las escaleras que dan acceso a los dos recintos bien definidos del poblado; y una vista parcial de algunas construcciones excavadas.

No hay comentarios: