viernes, 28 de marzo de 2008

EL CASTRO DE VILADONGA (CASTRO DO REI, LUGO)

"Situación. Concello de Castro de Rei (Lugo).
Cronoloxía. Séculos III-V d.C. Non só non se abandona despois da conquista romana da Gallaecia senón que é nesta época cando coñece o seu maior esplendor.
Elementos de interese. O castro de Viladonga é un dos xacementos galegos máis impresionantes xa que a súa ubicación, e as súas dimensións, permiten ve-la súa estructura en conxunto. Ten unha monumental muralla formada por unha mole de terra cunha estructura de pizarra no seu interior.
No poboado, poucas construccións circulares, e cuadrangulares de diversos tipos, algunha con muros medianeiros. Tódolos muros ou paramentos do castro están feitos de pizarra. Ás veces teñen nas súas basas ou zócolos de cimentación grandes pezas de seixo que quizáis cumplisen unha función de sinalización dos espacios, e mesmo tivesen un valor de protección dado o carácter máxico que se atribúe a esta pedra. Nalgunhas das construccións paralelas á muralla, advírtese diante unha especie de pequeno adro como elemento intermedio entre a rúa e a porta da casa, o que supón unha perfecta adaptación á configuración do terreo.
Destaca unha casa longa que podería ter sido un edificio social, un lugar de reunión, ou quizais relixioso ou ritual cunha serie de buratos no chan que poderían servir como pozos de ofrendas ou ben como depósitos de cereal.
Camiñando sempre polo espacio que deixan as casas, pódese chegar a
apreciar algún conxunto doméstico (casas patio ou barrios). Algunha vivenda aparece coa totalidade do piso lousado, outras con acceso de escaleiras. Tamén pódense apreciar outros elementos como as ampliacións que algunhas construccións sufriron, mediante o adosado de muros, de acordo coas necesidades dos seus ocupantes. Tamén aparecen no castro distintos tipos de
fogares lixeiramente realzados sobre o chan, feitos de barro e tamén de pedra.
Algúns deles están pechados con pedras e lousas fincadas que cercaban o lume.
Estes elementos son os que peor resisten o paso do tempo e non acostuman conservarse en bo estado.
A cubrición das casas era de tella (introducida en Galicia polos romanos) e de materiais vexetais. As tellas romanas de barro (tégula e ímbrice) son moi abundantes no xacemento e posiblemente fosen elaborados no mesmo poboado. As cubertas vexetais puideron estar suxeitas con cordas tirantes polo peso dunhas pedras atopadas en escavación. Ámbolos dous tipos de cuberta deberon empregarse ó mesmo tempo.
A abundancia de materiais recuperados no transcurso das escavacións testemuñan moitas e variadas actividades que tiveron lugar no poboado: para desempeña-la labor agrícola, fouces, sachas e legóns; para o traballo da pedra, compases e cinceis; para traballa-lo metal, escoplos, martelos, cravos e remaches. O uso do carro está documentado polas marcas de rodadas que hai no xacemento e e unha arandela e arco dunha roda.
Os moldes, feitos de pedra ou arxila, para facer pezas de bronce e os fragmentos de crisois indican unha actividade metalúrxica. O metal debía extraerse de zonas próximas ó xacemento xa que aparecen tamén ferramentas para a mineiría. Entre as armas aparecen puntas de lanza de ferro, puñais, espadas curtas, etc., e empuñaduras de puñais de antenas.
Os labores domésticos documéntanse por fragmentos de cazos, coadores, asas de baldes (sítulas) de época castrexa e romana, recipientes de cerámica para a cociña e o servicio de mesa, obxectos de vidro, cubertos, etc.; útiles para o tecido, (crese que era un labor feminino realizado en anexos ás vivendas), e distintos adornos relacionados co vestido como as fíbulas
(broches), fibelas de cinturóns, botóns, etc. Tamén adornos persoais como brazaletes, alfinetes e broches para o pelo, aneis e mesmo un espello de metal.
O ocio tamén está representado no xacemento pola tábula
latrunculata ou taboleiro de xogo coas súas fichas (podería ser semellante ás damas). Relacionadas co comercio están as moedas e a cerámica de importación. O mundo das crenzas está representado por algúns amuletos
pero non apareceu ningunha inscripción nin restos específicos de actividades relixiosas.
Escavacións. Realización de escavacións entre 1971 e 1978. En 1976 créase un museo monográfico ó pe do castro. Dende 1982, baixo a dirección de Felipe Arias Vilas, as escavacións realízanse regularmente como actividade científica do museo.
Materiais. Os materiais están no museo de sitio, á beira do xacemento.
Accesos. O castro sitúase a 24 km. ó NE da cidade de Lugo. Seguindo a estrada N-640 que vai dende Lugo a Ribadeo (estrada de Asturias) a vintetrés quilómetros (marco 56 Km.), pola esquerda debe seguirse o sinal que indica a dirección a Valmonte, a 200 metros está o castro. O xacemento e o museo están ben sinalizados. " ( P. Barciela y E. Rey)
Nota.- En la fotografía superior, vemos varias construcciones castreñas acosadas a la muralla que por esta zona posee una pequeña escalera y en la otra imagen, podemos apreciar una panorámica general del área excavada, teniendo la muralla y su entrada hacia el fondo de la misma.

No hay comentarios: