martes, 11 de marzo de 2008

HACIA LAS RAICES DE LA CULTURA DE LOS CASTROS

A IDADE DO BRONCE
"Se tivéramos que falar dun período da Antigüidade no que o territorio galaico aparecera aberto ao exterior, teríamos que facer necesaria referencia a esa especie de Comunidade Cultural Atlántica que a Arqueoloxía detecta ao longo da maior parte do segundo milenio AC.

O mar vai xogar un papel determinante na transmisión de coñecementos e nos intercambios de materias primas e de bens de prestixio entre as comunidades. Mediterráneas deberon de ser tanto a filiación dos navíos e dos navegantes como a procedencia de certas materias exóticas e de boa parte das novidades tecnolóxicas e ideolóxicas que recibiron e absorberon as comunidades atlánticas máis dinámicas e receptivas; atlánticas serán moitas das materias primas e dos bens de estatus socialintercambiados; e a súa conxunción irá cristalizando na conformacióndunha gran área cultural atlántica. Pero o arranque deste proceso de crecemento está nunha fase de certa recesión. Os datos arqueológicos parecen indicar que tras os tempos de transición entre o terceiro e o segundo milenios AC o territorio galaico viuse inmerso nunha situación xeral de desaceleración dos ritmos de crecemento acadados na fase anterior.
Os indicios son claros: o descenso cantitativo e cualitativo das evidencias arqueolóxicas verbo dos lugares de habitación e de cemiterio, a parquedade dos achados materiais e as súas diferencias cos tradicionais, a desaparición da arte rupestre..., levan a pensar na entrada nunha etapa de crise económica e demográfica.
Nesta atmósfera de aparente estancamento farán acto de presencia os primeiros obxectos fabricados en bronce. A difusión da nova metalurxia vai supoñer, cando menos e ademáis das conseguintes innovacións tecnolóxicas, a apertura de relacións entre zonas productoras e deficitarias das materias primas precisas para a metalurxia, entre elas e os centros de transformación e de intercambio, etc. Posto que por eses tempos o mineral de estano parece que era explotado unicamente en Cornualles, Bretaña e Galiza, o territorio galaico debeu de xogar un papel de importancia no eido das relacións e alianzas comerciais, tanto polos seus proprios recursos naturais como pola súa privilexiada posición xeográfica no mundo atlántico a cabalo entre os focos culturais do Atlántico Norte e as terras do sur peninsular máis influenciadas polos do Mediterráneo.
A partir do século XIII AC, a fachada atlántica europea comezou a sair dese relativo estancamento no que quedara sumida a comezos da Idade do Bronce. E a saída vai ser pouco menos que espectacular, aos lombos dunha nova intensificación agraria e dunha forte reactivación das relacións de intercambio das comunidades atlánticas entre si e cos focos culturais mediterráneos, ata culminar con esa suxerente unidade cultural dos territorios da Europa Occidental máis adentrados no Océano nos que se acadarían niveis de desenrolo semellante, unidade que estaría sustentada por alianzas políticas e/ou comerciais. Un destes focos será o galaico, que por certo e
coma era de esperar tanto polo seu pasado coma polas súas características xeomorfolóxicas e climatolóxicas, gardará non poucas semellanzas cos seus coetáneos da Bretaña e das Illas Británicas. As semellanzas formais e técnicas que manifestan as producións metálicas máis características deste período na fachada atlántica europea falan a prol de certa similitude na organización sociopolítica das comunidades e da frecuencia e intensidade dos intercambios. Tamén apoiaría esta imaxe de relativa unidade cultural das
fisterras atlánticas a ausencia no rexistro arqueolóxico destas datas de case que toda evidencia clara verbo dos usos e costumes funerarios. De feito, hai quen apunta que para buscar un trazo realmente unificador das comunidades atlánticas da plenitude da Idade do Bronce, ese sería a ausencia de rituais funerarios arqueolóxicamente recoñecíbeis. A desaparición das necrópoles -no senso estricto- do territorio galaico por estas datas ata a moi posterior implantación do ritual romano, será un dos indicios máis flagrantes do carácter esencialmente autóctono do fenómeno castrexo.
Pero os circuitos de intercambio non só interconectaban as comunidades atlánticas máis dinámicas senon que as mantiñan en contacto cos focos culturais mediterráneos, o que sen dúbida debeu de supoñer un fito trascendental para o desenrolo de todas elas. Sabemos que productos atlánticos acadaron as terras centrais do Mediterráneo en número considerábel; dese mundo chegaron aos territorios atlánticos mercadorías concretas e, polo que parece apuntar a lóxica, certa cantidade de novidades tecnolóxicas e ideolóxicas de non pouca trascendencia, entre as que se barallan os novos cultivos, novos coñecementos, novas formas de diferenciación social, novos modelos de armamento, novas formas de vestido e de ornato persoal, novos tipos de transporte, novas formas de ostentación do poder, de información e de coñecemento..., que serían asimiladas polas élites locais e que actuarían coma dinamizadoras dunha sociedade en plena expansión. Así, neste mundo aberto e interconectado, e nunha xa típica e coñecida secuencia sur-norte e costa-interior motivada polas características xeomorfolóxicas do territorio e pola vía máis racional de chegada das innovacións de filiación mediterránea, o dinamismo social e a intensificación agraria irán facendo posible que as comunidades campesiñas máis abertas e solventes se vencellen á explotación sistemática e intensiva dun territorio concreto. Será un proceso de sedentarización que culminará pouco tempo dempois coa aparición dos primeiros povoados de carácter xa verdadeiramente estábel no territorio galaico: os castros.
A Arqueoloxía está a poñer en evidencia a relación da maior parte dos asentamentos da fase de esplendor da Idade do Bronce coas terras de maior potencialidade agrícola. Os restos de elementos relacionados coas prácticas agropastorís que aparecen neses povoados -machados, aixadas, dentes de fouce, muiños planos, estruturas de almacenamento en foxa...- forman parte
sustancial do rexistro arqueolóxico. As fértiles terras do val van ser explotadas dende agora dun xeito sistemático. Pero son polo xeral solos moi pesados que para o seu debido aproveitamento precisan dunha tecnoloxía agrícola evoluída que implique o uso do barbeito, do estercado, e dun arado de tracción animal.
Sexa coma for, a fase da que estamos a falar supuxo unha clara ampliación dos terreos de aproveitamento económico -como ratifican os incrementos da deforestación e da erosión que manifestan as análises paleoambientais- e a obtención de maiores, mellores e máis diversas colleitas. Elo permitiría o sustento dunha povoación máis numerosa, o que provocaría unha maior presión sobre o medio natural e o incremento das tensións sociais. O caso é que o desenrolo agrario foi o causante da consolidación desa tendencia á sedentarización das comunidades campesiñas que moitas liñas da investigación consideran fundamental para explicar dun xeito crible -fora de tópicos e fantasías- a xénese do fenómeno castrexo.
A imaxe da organización social nos últimos tempos da Idade do Bronce no occidente europeo é a de comunidades agropastorís cunha maior ou menor compoñente metalúrxica e cun nivel de xerarquización tamén maior ou menor pero en calquera caso significativo. Un modelo semellante estase a defender para o espacio galaico. A verdade é que non resulta nada doado explicarmos o forte desenrolo económico, demográfico e a mesma existencia das relacións intercomunitarias de intercambio que teñen lugar por estas datas de non mediar a presencia dunha base social estructurada, coa cúspide ocupada por unhas élites que sustentarían o seu poder coercitivo no
coñecemento ritual, na propiedade do espacio económico, e no control das forzas produtivas e dos intercambios. Utilizando modelos tirados da investigación antropolóxica, unha sociedade de xefaturas parece, cando menos nun principio, a máis axeitada á situación xeral que revelan os datos arqueolóxicos." (A. de la Peña Santos)

Nota.- La imagen que ilustra este comentario, es la portada de uno de los libros que sobre la cultura castreña ha publicado A. de la Peña y que podemos considerar imprescindible para tener un conocimiento acertado del fenénomo castreño, basado en las últimas investigaciones arqueológicas sobre el tema.

No hay comentarios: