"Coma xa adiantabamos máis arriba, a partir puco máis ou menos dos primeiros tempos do último milenio AC - en plena fase de esplendor da Idade do Bronce-, e nun lento proceso sur-norte e costa-interior que pon de manifesto a influencia dos contactos co mundo mediterráneo, vanse deixando sentir na área galaica os efectos dunha dinámica de sedentarización das comunidades campesiñas. A aparición dos primeiros povoados rigurosamente estábeis na área galaica non pode ser desligada con facilidade da intensificación económica e do fortalecemento da desigualdade social dos tempos finais da Idad do Bronce, que abriría a posibilidade de que comunidades campesiñas dinámicas, estruturadas e solventes, fosen quen asumir o risco de destiñar unha parte substancial dos rendementos do traballo á edificación duns povoados que estarían concibidos para lles dar amparo e protección durante o tempo suficiente para facer rendíbel o grande -habida conta do tamaño minúsculo que se supón para estas agrupacións sociais- capital investido na empresa; por iso, eses novos povoados se levantarían en puntos inmediatos aos terreos de explotación económica da comunidade, con boas condicións naturais de defensa e cun axeitado control visual das terras de labor en particular e do territorio en xeral. É o resultado dun proceso de desenrolo endóxeno -non hai un só indicio real do hipotético asentamento de xentes vindas do exterioranque aberto e receptivo a contactos e estímulos externos. As probábeis tensións sociais derivadas do novo réxime sedentario e do control dos escasos recursos dispoñíbeis coa tecnoloxía do momento, pode que ficaran bastante suavizadas polas características orográficas da paisaxe galaica, cunha compartimentación espacial que propiciaría o espallamento de minúsculas comunidades campesiñas con territorios ben definidos por accidentes naturais.
Os castros serían, coma consecuencia, a testemuña primeira da xa irreversible fixación da povoación campesiña galaica a un territorio concreto.
O feito de que para a construción dos povoados escolleran sempre un lugar elevado que reunira condicións naturais que fixeran relativamente fácil a súa protección, e as completasen dotándoo de elementos defensivos coma murallas, fosos, parapetitos, terrapléns... máis ou menos aparatosos e efectivos, confire ao proceso de implantación do mundo castrexo certos puntos de semellanza con outros coetáneos en áreas xeográficas moi diferentes; agora ben, fóra desas semellanzas superficiais, o certo é que o castrexo amósase coma un fenómeno peculiar, sen referentes direitos claros máis aló dos seus ben definidos límites territoriais, tal e coma ven poñer de relevo, por poñermos un único exemplo, a inexistencia de calquera tipo de ritual funerario que deixase restos materiais, de evidencias, claros. Esta marcada identidade cultural do fenómeno -e a continuación de trazos implantados durante a Idade do Bronce sería unha proba, pero non a única- pode que teña moito que ver cos fondos cambios que as terras do occidente continental deberon de experimentar por aqueles momentos nos que o mundo castrexo comezaba a súa andaina. Se o proceso de sedentarización se inscribe nun marco de relacións exteriores asentado firmemente durante a Idade do Bronce, a caída nas mans fenicias dos circuitos atlánticos de intercambio a partir aproximadamente do século VIII AC debeu de ser decisiva para dar ao traste cunha boa parte do modelo económico tradicional, de tal forma que dende entón as comunidades atlánticas entrarían nunha fase de illamento e de desenvolvemento particulares; o territorio polo que se extenderá o mundo castrexo, pouco menos que pechado da vía continental polas cadeas montañosas, e coa vía natural de contactos atlánticos en poder ou baixo o control dos mercaderes fenicios, irá evolucionando en boa medida pechado ao exterior, co que manterá unha mínima anque trascendental relación gracias á supervivencia dos circuitos comerciais coas áreas de influencia mediterránea.
As análises arqueolóxicas falan dunha sociedade campesiña relativamente xerarquizada, organizada en minúsculas comunidades -estruturadas pero non tanto-, prácticamente pechadas sobre si mesmas, e pouco menos que autárquicas.
O carácter pechado que os elementos de tipo defensivo confiren á organización interna dos povoados, as súas dimensións tan cativas e a forma illada na que se espallan polo territorio, acaso falen dunha vinculación directa cun patrón de estructura económica de tipo próximo á autarquía; as súas relacións a penas parecen ir máis aló do seu entorno inmediato agás a chegada esporádica de mercadorías exóticas de filiación mediterránea; ainda non se ven evidencias dunha ocupación global do territorio nen de xerarquización entre os asentamentos, etc., etc. Precisamente, éste último é un aspecto de relevancia pois otorga aos habitantes de cada castro certa independencia e sentido da territorialidade verbo dos seus viciños: o castro vai ser a unidade social indíxena básica de carácter territorial, e será por medio dela como se organizarán dun xeito territorial -mesmo político- as comunidades campesiñas galaicas. Ata tal punto parece que esto debeu de ser así, que será o castro e non a “familia” -a gens-, o referente directo á orixe do individuo, tal e coma porán de relevo, moitos sécalos máis tarde, as referencias aos castella da epigrafía galaico-romana nunha proba máis da especificidade do mundo castrexo dentro do conxunto dos povos daPenínsula Ibérica.
Nestes primeiros castros, a obra defensiva artificial se concentra nos lugares onde o terreo ofrece piores condicións, e sempre empregando para ela as solucións máis sinxelas, racionais e económicas. O elemento máis común serán os simples terrapléns xerados polas obras de achantamento do terreo previas á edificación da parte habitacional. Estes terrapléns foron en ocasións reforzados con muriños ou estacadas na base para dificultar os desprendementos e as escorrentías, e pode que estivesen coroados tamén por estacadas ou outro xeito de estructura que non logrou resistir o paso do tempo. Ás veces, polo exterior, nos lugares máis vulnerábeis, levantouse outra sorte de elementos defensivos máis complexos: os foxos e os parapeitos. Aquíles, escavados tanto na terra coma na rocha viva, e de dimensións variábeis, hoxe aparecen en boa parte entullados polos derrubamentos e as escorrentías; estes, formados polo amoreamento das terras sacadas do foxo, formarían a liña defensiva máis avanzada.
Pero será a muralla o elemento máis espectacular dentro do sistema defensivo de certos castros e un dos que ilustran mellor do nivel de desenrolo económico, técnico e social da comunidade que os habitaba. Anque xa dixemos que hai indicios da existencia de estacadas coroando os terrapléns, a norma é a construción en cachotería aproveitando os materiais locais máis a man. Poden delimitar todo o espacio habitacional ou tan só zonas concretas pouco protexidas pola orografía natural, e sempre aparecen trazadas adaptándose ao terreo e ás súas irregularidades, fuxindo de inconvintes técnicos coma as esquinas. Para o asento búscase a rocha base, que en ocasións se traballa para mellor colocar os alicerces, pero sempre da forma máis simple dende un punto de vista técnico. Tanto as exentas con dúas caras vistas coma as que cumpren ao tempo unha función de aterrazamento, aparecen implantadas no mundo castrexo xa dende as súas orixes.
Entrando no espacio habitacional do asentamento, a imaxe estereotipada presentaría un conxunto de pequenas cabanas de cachotaría local e planta circular distribuídas polo terreo sen orde aparente, sen condicións urbanísticas claras.
Pequenas cabanas de planta circular que son o paradigma da arquitectura doméstica castrexa. As reducidas dimensións destas construcións e a ausencia practicamente total de edificios de maior tamaño poden estar a falar dunha sociedade bastante precaria no eido económico e pouco estructurada no social ou polo menos as diferencias sociais non se manifestaban nas dimensións e na forma das vivendas-. Pero ao longo do tempo e do espacio sabemos que se produciron diverxencias. Xa nos castros máis antigos, os trazos básicos da arquitectura doméstica aparecen ben implantados agás as lóxicas indefinicións técnicas. Así, en tanto certos povoados semellan ofrecer construcións feitas tan só con materiais perecedeiros, noutros xa aparecen cabanas con zócolos e laxeados de pedra, en tanto que noutros a construción doméstica xa se fai con verdadeiros muros de cachotería, algo que se xeralizará dende agora a todo o mundo castrexo.
A convivencia de solucións técnicas nestes primeiros séculos do desenrolo dos castros non ten que respostar necesariamente a limitacións nos coñecementos técnicos senón que na maior parte dos casos primarían cuestións económicas.
Pero máis aló da solución técnica empregada, xa dende as súas orixes a arquitectura doméstica castrexa presenta un detalle peculiar: a preferencia polas plantas circulares -ás veces ovadas ou elípticas-, algo que na historiografía tradicional tentouse relacionar cos mundos céltico, hallstáttico, atlántico ou mediterráneo dende teorías difusionistas hoxe desfasadas e carentes de lóxica.
Os muros das cabanas de cachotaría aproveitan sempre os materiais do lugar, e para sentar os alicerces tentan buscar a rocha base. Nas zonas graníticas empréganse muros de dúas capas, sempre mellor rematada a exterior, cun recheo de cachotaría e unha espesura total de arredor dos corenta centímetros. Os pavimentos interiores máis comúns son os de terra pisada; no tocante aos fogares, o normal parecen ser os de estructura aberta sobre base de xabre apelmazado.
O máis salientábel das manufacturas atopadas nos castros desta primeira fase é o seu carácter de continuidade coas do período anterior, o que parece boa proba do seu entronque cos momentos sobranceiros da Idade do Bronce e da ausencia de aportes étnicos significativos. O menaxe máis común é o formado polos recipentes cerámicos: cacharros de cociña e de almacenaxe de tamanos pequeno e medio, de fabricación manual polo sistema do urdido e bruñido, e formas moi sinxelas, con bases planas, corpos troncocónicos, hombreiros suaves, colos anchos con bocas e labios rectos, ás veces con bandas decorativas de temática xeométrica moi simple organizada en metopas, normalmente incisa e con menos frecuencia impresa ou plástica. En calquera caso, todo elo moi semellante ás produccións cerámicas dos tempos de maior desenrolo da Idade do Bronce.
É moi salientábel constatar o carácter das prácticas da metalurxia dobronce que se desenrolaban nestes primeiros castros. Documéntanse restos de crisois de pedra e de cerámica nos que se fundían tanto o metal procedente de lingotes en torta ou en barra, coma trozos de pezas xa amortizadas -chatarra que fala de certo desabastecemento ou carestía da materia prima-, nomeadamente restos de machados de tope e de caldeiros de chapa remachada típicos da fase final da Idade do Bronce. A produción principal nestes castros semella que se enfocaría sobre todo á fundición de obxectos utilitarios -machados, coitelos chapas...- e ornamentais -colgantes, alfinetes, elementos de cinturón...- para o autoabastecemento ou para aprovisionar un mercado de limitado poder adquisitivo no que ainda seguíanse a usar moitos modelos do arcaico, pero eficaz, instrumental de pedra. Queda aberta a posibilidade de que parte dos bronces atopados nos castros desta fase sexa o resultado de intercambios a certa distancia, pero a existencia de contactos a longa distancia queda refrendada pola aparición dos primeiros obxectos de ferro -coitelos curvos, fouces, etc.-, importados dende as colonias fenicias do sur da Península, e que ilustran do cambio na realidade económica atlántica de que falabamos máis arriba.
A panorámica de conxunto para esta fase formativa apresenta unha sociedade segmentada, en povoados de reducido tamaño entre os que tal vez –por non dicir con seguridade- poidera darse certo grao de tensións. Estes castros estarían ocupados por campesiños que combinarían os cultivos de cereais de inverno e de primaveira cunha cabana gandeira complexa e a recoleción de landras e outros froitos silvestres, cunha presencia crecente das actividades artesanais e das relacións de intercambio. No litoral interviría ademáis a pesca de baixura e o marisqueo, sen deixarmos de lembrar que sería precisamente aquí, na costa, onde se levarían a cabo as transacións comerciais máis importantes." ( A. de la Peña Santos" )
Nota.- Arriba, en la fotografía, una vista parcial del castro marítimo de Baroña (Porto Son A Coruña)
No hay comentarios:
Publicar un comentario