"Situación. A Cidade de San Cibrán de Lás está na parroquia do mesmo nome pertencente ó concello de San Amaro (Ourense).
Cronoloxía. Ocupado entre mediados do século I a. C. ata comenzos do II d. C. sendo despois abandoado.
Elementos de interese. O poboado está estructurado en dúas partes: un gran recinto amurallado con tres portas de acceso e outro mais pequeno, no centro, tamén amurallado con dúas portas. Hai tamén outra muralla que reforza a entrada oeste, foxos e parapetos.
No asentamento, predominan as construccións angulares, con “barrios” ou “casas-patio”. A disposición destas construccións permite organiza-lo espacio en rúas radiais (do exterior ó interior) e perimetrais (seguen a liña da muralla). Contrasta a organización urbanística do primeiro recinto co central, onde as construccións aparecen ailladas. Inmediatamente á dereita da porta que atravesa a segunda muralla, con dous torreóns con habitación interior, localízase unha fonte-alxibe de uso público. Pénsase que debeu estar cuberta por unha falsa bóveda. O acceso ó interior facíase por medio dunhas escaleiras dende a rúa, onde mediante lousas de canto evitaríanse os arrastres da chuvia cara ó depósito.
Pasada esta segunda porta atopámonos coa rúa radial que vai á croa, da que parten outras rúas menores á dereita e esquerda, e algúns exemplos de casas-patio. As cubertas pénsase que eran vexetais, pois só se atopou tégula nas entradas das murallas.
Seguindo pola rúa principal cara arriba temos de frente a porta que dá acceso á croa, flanqueada por dous cubos. Xa na croa, se seguimo-la liña da muralla pola dereita da porta, á altura do segundo tramo de escaleiras hai un penedo coa inscripción: IOVI (A Xúpiter).
Cruzando a croa, de frente, chégase á Porta Este. A porta ten o chan enlousado e un desnivel no acceso que impediría a entrada de carros no recinto. Estaba flanqueada por dous torreóns con dúas estancias rectangulares no interior cun rebanco corrido (corpos de garda). Atravesando a porta, nun achandamento á esquerda, hai unha estructura cadrada de tres graos cun pequeno adosado traseiro que foi interpretada como o pedestal dunha estatua.
Escavacións. De
Materiais. No Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Accesos. Chégase ben dende Ribadavia, Carballiño ou Ourense. Collendo a estrada que vai dende Ourense a Pontevedra, pasado Arrabaldo, hai un desvío que vai a Ribadavia e outro a Carballiño. Hai que colle-lo que vai ó Carballiño e, tomando á esquerda pásase por Barbantes, e pouco máis adiante, pasado Ourantes, está Lás." ( P. Barciela y E. Rey)
Nota.- En las imágenes, entrada al poblado y vista parcial de una de las zonas excavadas.
1 comentario:
Caros amigos de "castros de galicia" unha pequena reivindicación a xeito de corrección. O Castro de Lás ou a ciudá/cidade como se coñece na zona está realmente en dous concellos, San Amaro e Punxín, sendo este último o que conta con maior superficie castrexa no seu territorio. O feito de que as primeiras investigacións se fixesen na zona do San Amaro e proseguisen con convenios entre Xunta e o propio concello do San Amaro foron arraigando máis o falso dato de que o Castro de Lás está no San Amaro. A risco de que este dato se poida mal interpretar como de localismo minifundista, que non é a pretensión do comentario senón a de dár un dato real que, cara á promoción dun concello do rural e pequeno como o de Punxín, falar del aínda que sexa no título de calquera artigo, libro ou folleto é unha cuestión importante. Parabéns polo blogue.
Publicar un comentario